|
A séptima edición do Matamáfolc terá lugar o día 17 de xullo a partires das 22:00 h no Torreiro da festa de Matamá dentro da programación do Festival “Sons da Lameira”, contando coas actuacións de: Crema de gaita: É un grupo folk con insignia distintiva que abraza formas pouco convencionais na música folk concibida en Galicia, achegándose aos ritmos latinos como son o tango, o tumbao, os boleros, as habaneras ou a bossa nova, xa que entende que Galicia posúe uns lazos culturais máis estreitos con Latinoamérica, a causa do fenómeno da emigración, que con outras culturas atlánticas que se tenden a fusionar habitualmente coa música galega. Sen embargo, Crema de gaita non rexeita as influencias euroatlánticas nin versións de temas da música tradicional galega, para demostrar as múltiples posibilidades que ofrece a gaita en numerosos estilos, fuxindo así do tópico no que está encadrada na actualidade.
Aposta por un estilo orixinal e transgresor no que conflúe a música tradicional, popular e culta, nun intento de irmandar as diferentes culturas que conviven na actualidade. Este eclecticismo musical é froito do percorrido dos membros do grupo en diferentes ámbitos, como as bandas de música, orquestras, formacións tradicionais galegas e conservatorios, e todo tipo de grupos, jazz pop, rock, electrónica . O groso do repertorio constitúeno fundamentalmente as composicións de Ernesto Campos, membro de Crema de gaita e autor de temas gravados por artistas da talla de Carlos Núñez, Xosé Manuel Budiño ou Susana Seivane. Os músicos que forman Crema de gaita son: • Diego Mariño (gaitas e frautas) • Marcos Campos (gaitas e frautas) • Xose M. López Josele (clarinete, saxo e gaita) • Cris Macías (teclados, acordión e voz) • Ernesto Campos (guitarra, serra musical e coros) • Judith Alonso (baixo eléctrico) • Suso Feixón Alonso (batería e percusións)
Tanto nos ten (TNT): As letras dos seus temas, a parte de tradicionais, tamén son propias, onde o escarnio e o saber popular complementan aos ritmos bailables coma, pasodobles, muiñeiras, mazurcas ou fox-trotes, que fan de Tanto Nos Ten un grupo de música dinámico e divertido.
Compoñentes: Manuel Cruces.- (gaita, frautas e voz). Pedro Blanco.- (acordeón diatónico e voz). Josinho da Teixeira.- (Tambor voz e parrafeos varios). Cayetano.-(Zanfona, pandeireta e voz). Carlinhos de Arcade.- (Bombo e voz). Turuleque: Nace como consecuencia das inquedanzas musicais de seis rapaces, todos eles chegados do mundo da música tradicional. Bebendo nas fontes desa tradición musical galega, tanto a través de recollidas como recurrindo aos cancioneiros, pero tendo tamén presentes outras moitas influencias, o grupo tenta fuxir de “etiquetas” que limiten a súa capacidade creativa, sentíndose simplemente identificado co termo “música galega” nun intento de clasificar o seu estilo. Neste aspecto, a máxima é a de acadar o seu propio son, identificable tanto en temas tradicionais como nas composicións propias,campo polo que o grupo mostra unha maior predilección. Nas suas actuacións están presentes instrumentos claramente unidos á música tradicional galega, mais empregados ao xeito propio do grupo. Reinterpretando en certa manera a tradición, recurre a súa intuición musical á hora de arranxar melodías tradicionais e bota man da riqueza de instrumentos que esta música nos ofrece, pero dando un paso mais aló no uso das tonalidades e modos. 
O grupo está formado por: -- ANTÓN BUENO (contrabaixo, gaita, coros). -- ALEX FENTE (acordeón, coros). -- LUÍS GARCÍ (bombo con pratos, percusións, coros). -- MIGUEL HORJALES (caixa, percusións, coros). -- PABLO PINTOR (clarinete, gaita, pito galego, triángulo, voz) -- FERNANDO ROMÁN (saxo, clarinete, gaita, pito galego, coros) Para máis información sobre os grupos do MATAMÁFOLC podedes consultar a páxina: http://www.sonsdalameira.com/
|